Sunday 05 de May de 2024

O 97% do alumnado de cuarto de Infanti obten praza no centro educativo escollido como primeira opción tras a mellora das rateos


— Este ano recibíronse un total de 14.379 solicitudes de nenos de tres anos, que se incorporan así ao sistema educativo, para as 21.137 prazas ofertadas

— Trátase de datos provisionais, que se axustarán nos vindeiros meses en función das cifras finais de matrícula

— O 100% do alumnado ten garantida praza nun centro sostido con fondos públicos

O 97% do alumnado que solicitou praza en 4º de Educación Infantil –3 anos– nos centros educativos galegos para o vindeiro curso 2024/25 obtívoa no colexio escollido como primeira opción. Así se desprende dos datos provisionais do proceso de admisión tras as novidades introducidas este ano, coa mellora das rateos de 25 a 20 alumnos ao abeiro do acordo coas organizacións sindicais.
En total, recibíronse 14.379 solicitudes de nenos de tres anos para un total de 21.137 prazas ofertadas, co que se ocuparán o 68% e quedan baleiras a día de hoxe o 32%. Tan só un 3% destes alumnos non acadou unha praza no centro de primeira escolla, o que supón 430 alumnos en toda Galicia, fronte aos 13.949 nenos que si estudarán no primeiro centro escollido polas súas familias.
Polo tanto, as incidencias derivadas da mellora da rateo é mínima no que respecta á obtención de praza no centro de primeira escolla. O 97% consigue praza na súa primeira opción, chegando a ser máis do 98% en concellos como Ferrol, Santiago de Compostela ou Pontevedra. No cómputo xeral a suba da taxa de alumnos non admitidos no centro de primeira opción é de só 2,2 puntos porcentuais respecto do curso 2023/24.
Nos casos de máis demanda que oferta de postos, as prazas serán asignadas como sempre polos centros ou a comisión de escolarización de cada zona, segundo corresponda, en función do baremo aplicable a cada solicitude de admisión e atendendo aos centros de preferencia marcada, tal e como establece a normativa. Nos concellos cun único centro educativo, os nenos obterán praza no mesmo aínda que a demanda supere a oferta. Para iso adoptaranse as medidas que, de ser o caso, sexan precisas.
Calendario de matrícula
Estamos ao inicio do proceso de admisión, que se desenvolverá ata a matrícula en xuño/xullo en coordinación permanente coa Inspección Educativa, polo que os datos se irán axustando ata concluír o proceso. En todo caso, o 100% do alumnado ten garantida praza nun centro sostido con fondos públicos.

As listas definitivas de admitidos e excluídos publicaranse o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 de xuño ao 1 de xullo para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 8 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Os datos provisionais polas catro provincias son os seguintes:

Provincia Solicitudes Admitidos en 1ª opción Porcentaxe de admitidos en 1ª opción
A Coruña 6214 5978 96,2%
Lugo 1552 1515 97,6%
Ourense 1369 1321 96,5%
Pontevedra 5244 5135 97,9%
Total 14379 13949 97,0%

 

Os datos polas sete principais cidades son os seguintes:

 

Concello Solicitudes Admitidos en 1ª opción Porcentaxe de admitidos en 1ª opción
A Coruña 1456 1344 92,3%
Ferrol 319 314 98,4%
Santiago de Compostela 624 612 98,1%
Lugo 570 545 95,6%
Ourense 622 606 97,4%
Pontevedra 519 511 98,5%
Vigo 1620 1579 97,5%
Total 5730 5511 96,2%

Deja un comentario